Aliñamentos

Aliñamentos:

Que se pode testemuñar con datos confirmados e relevantes, sobre a existencia de aliñamentos megalíticos na nosa terra?

Existe en Galicia algún aliñamento de pedrafitas?

E certo que as pedrafitas en chan Galego, veñen paseniño abrindo camiño para coñercer mais as súas funcións, simboloxía, historia, lozalización e tipoloxía, mais, que sabemos desas ringleiras de pedrafitas de nome aliñamentos?

Cales son as zonas onde podemos atopar algún aliñamento?

A función ou simboloxía dos aliñamentos de pedrafitas, cal é?


Aliñamento                
concepto: conxunto de pedrafitas que forman unha ringleira ou varias paralelas.


Estrutura
Os aliñamentos de pedrafitas poden ser de poucos metros ata varios quilómetros de longo, a altura dos monólitos poden acadar os 2 m. sendo as pedrafitas que miden sobre 1 m. as mais correntes. As pedras terminais das ringleiras poden cadrar coa mais grande.
As pedras están chantadas a intervalos e pode ser diferente a altura ó longo da serie.
Están adscritos cronoculturalmente ao neolítico tardío ou idade do bronce.


Localizacións
Non podemos esquecer que os aliñamentos líticos, rexístranse espallados por moitas zonas do planeta: Europa, Sudamérica, África etc... estamos logo, diante dunha monumentalidade pétrea de tipo non local, son varias as culturas e os países, e conxunto de comunidades en diferentes épocas no decorrer do tempo, que chantaron estas pedrafitas aliñadas, facendo que cheguen ata os nosos días coa mensaxe ou funcionalidade non completa ou esquecida.
As zonas onde polo xeral podemos atopar aliñamentos megalíticos de pedrafitas, non se encontran estritamente vinculadas a un tipo determinado de terreo, paisaxe, orientación ou situación. Podemos atopar aliñamentos en zonas de tipo desértico, lugares ou chairas elevadas, alta ou media montaña ou ó carón de áreas marítimas.
Son famosos os aliñamentos de Carnac en Bretaña, Dartmoor e Stall Dowh no Reino Unido, tamén en Eire, así como recentemente descuberto o aliñamento de La sierra de la ventana en Argentina, e como non, a proposta de aliñamentos Galegos, mais adiante farei apartado de especial atención.


Funcionalidade (hipóteses)
Son algunhas as diferentes hipóteses que varios autores e investigadores manexan para dilucidar o compoñente "mensaxe",  "simbolismo" ou "funcionalidade" dos aliñamentos. O termo aliñamento lévanos a comprender que as ringleiras de pedras chantadas intencionadamente poden ter relación con outros factores, como outros monumentos ou elementos topográficos ou características astronómicas.
As consideracións propostas tamén pensan nun propósito relixioso ou cerimonial, posiblemente marcando un camiño procesional.
Debemos considerar a novidade exposta nos últimos tempos, sobre un posible aliñamento composto por quince bloques de seixo branco en Lugo, Galicia,  asociado este material a un carácter apotropaico, un fin protector con carácter simbólico nos xacementos arqueolóxicos dende o paleolítico.
Outra teoría é que cada xeración chantase unha nova pedra para cooperar na secuencia que amosa unha presenza continua das persoas. As antigas e tradicionais lendas de Bretaña contan que os aliñamentos de pedrafitas, estabilizaban o solo dos corrementos de terra a xeito de dique contra a invasión do mar. Estas pedras foron consideradas como sagradas, e o pobo as veneraba, aconteceu que San Martiño escomenzou a cristianizar a Galia, perseguindo aos Druidas, que gardaban o saber e a tradición destas pedrafitas; interpretando ás pedrafitas como ídolos pagás, e o Santo descoñecendo as ancestrais crenzas daquelas terras, inducía aos neófitos a destruilas, reverenciadas polo pobo, e, continuan dicindo as lendas:  que por este feito do derribo dos aliñamentos a zona marítima de Douarnenez e a súa cidade Ys ficaron mergulladas no fondo do mar.


Proposta: Aliñamentos Galegos
No ano 1964 os ilustres A. García Alén, historiador e mestre, A. Blanco Freijeiro, historiador e arqueólogo, e C. Paratcha Vázquez, mestre, sinalan na separata de nome "A LAPA" DE GARGANTANS, editada polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Instituto Padre Sarmiento, revista: Cuadernos de Estudios Gallegos: tomo XIX, 57 o seguinte: ..... Se ha hablado de alineamientos en las mismas comarcas:
"Monte Lousada, Lugo.
Serra da Barbanza, Coruña.
Dumbría, Corcubión, Coruña."
"También estas noticias son inciertas. Vázquez Seijas, por ejemplo, no conoce en Lugo círculos ni alineamientos".
"Vázquez Seijas opina que  antiguamente abundaban los menhires en Galicia. como por su tamaño pequeño se confundian fácilmente con los hitos, sólo considera auténticos los que ostentan grabados".
Temos pois un referente precursor dos aliñamentos líticos en chan Galego, Monte Lousada, Serra da Barbanza e Dumbría, as referencias poden ser certas ou non, mais no século XX suponse non destragadas as terras, labradíos e montes como agora, esto fai pensar na posibilidade certeira da presenza destes monumentos megalíticos.
Ademais temos a Vazquez Seijas, historiador e escritor, como o principal promotor da idea: " que só as pedrafitas que contan rexistro de grabados, son auténticas". A estas alturas, no 2014, este servidor humilde voso, propón esta idea non acertada, a día de hoxe é preciso facer un estudo completo e pormenorizado do monólito, antes de desbotar a súa pertenza no rexistro de adscrición cronolóxica e cultural: contextualización plena (toponimia, folclore, tipoloxía, relación con outros elementos arqueolóxicos, etnográficos, históricos, artísticos, tipo de emprego ou función etc...) Unha metodoloxía ou protocolo que cómpre seguir no tratamento científico e da posta en valor do monólito.

O sempre activo e defensor do patrimonio Xabier Moure, autor do blog onosopatrimonio,  fala do posíbel aliñamento na Faladoira, que agora comentamos e agradecemoslle a súa intuitiva sensibilidade á hora de expoñer e decatarse deste suposto aliñamento lítico no concello de Mañón, A Coruña.
No coñecido camiño dos arrieiros, sitúase unha necrópole megalítica composta por varios túmulos de dimensións considerables, estas mámoas presentan cráter central de violación, ademais unha delas foi cortada ao realizar unha construción do peche de antenas de telefonía, elemento que provoca un impacto-choque non acorde dentro do contexto megalítico no que nos atopamos, por si fose pouco, nas inmediacións existen varios elementos que provocan alteración, degradando o lugar de forma ambiental e paisaxista: parque eólico, pistas e unha caseta de vixiancia de incendios.
Formando parte do conxunto atopamos o aliñamento lítico, que semella delimitar a necrópole polo NL. presenta dezaseis pedras, catorce son de pequena altura (non pasan 1 m. altura) e de forma irregular. As dúas restantes, na actualidade derrubadas no chan, chaman a atención polas súas dimensións. A primeira, como di Xabier Moure, de feitura irregular, acada a altura de 3,90 m. e 0,60 cm. de ancho, supostamente mesmo monólito que Barros Silvelo cita como pedrafita de demarcación no seu traballo Antiguedades de galicia (1875), e que Federico Maciñeira afirma  que se trata dun marco. A outra chanta, con forma piramidal, conta cunha lonxitude de 2,10 m., uns 0,70 cm. por cada cara da base, e arredor de 0,45 cm. nas caras superiores.
Como bo observador Xabier Moure pregúntase: para consideralas como marcos que é o que delimitan?
Dende que existen referencias documentais sobre lindes territoriais, que non se trata de concellos, freguesias ou aldeas.
Poden ser dous terreos de distintos propietarios?
Xabier Moure di descoñecer esta última cuestión, engade que considera pouco probable, pois ao outro carón do aliñamento, emerxen do chan uns afloramentos de lousa, e que no tocante ás dúas pedras citadas máis arriba, non resulta fácil darlle sentido a tal inversión (tempo + traballo) para chantar uns marcos divisorios de semellantes proporcións e cun peso de varias toneladas.
As pedrafitas atópanse chantadas cun intervalo entre os dez e os vinte e cinco m. descoñecendo si o aliñamento no pasado contou con mais monólitos.
Na contorna e bisbarra, non esquecer a presenza abondo documentada e recoñecida de estruturas megalíticas, así como o estragado círculo lítico do Freixo e os desaparecidos da Mourela nas Pontes.

Rafa Quintía, inquedo e concienciudo antropólogo, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega -SAGA- fala no seu blog asombradebouzapanda e no anuario de antropoloxía e historia de Galiza; Fol de Veleno, nº 4 - 2014 sobre "O santuario da pedra fita de Adai e o seu templo perdido, unha incognita arqueolóxica" e "Usos rituais do seixo no rexistro etnográfico e arqueolóxico de Galicia", nestas duas exposicións, o autor considera que o que atopou no xacemento da Pedrafita de Adai, parroquia de Adai, Lugo, "é  a expresión física e tanxible da separación entre o espazo humanizado e a natureza salvaxe, e como tal ten un valor simbólico e, ás veces cerimonial e sacro, pois nos santuarios definese o espazo sagrado respecto ó profano e existe sempre un terreo circunscrito de culto. Quen se achegue a este xacemento poderá observar a grande presenza de bloques de seixo branco que aparecen esparexidos pola lomba do bosque onde se sitúa o Castrillón. Uns bloques que cando se estudan con detemento non parecen dispostos ao chou, senón seguindo unha orde formando un total de quince aliñamentos que cunha orientación L-O  case perfecta (de 260º) percorren o espazo que se estende pola parte alta da lomba onde se sitúa o Castrillón,


Notas finais
Quero facer chegar varios criterios e posicións hipotéticas, relacionadas coa posíbel funcionalidade ou simboloxía dos aliñamentos líticos por parte de varios autores, un centro especializado en monumentos megalíticos Bretón e  unha enciclopedia  de internet.

Louis Charpentier: manexa a posibilidade de que os aliñamentos sinalan vías de augas subterráneas, correntes telúricas de protección das colleitas e de fecundidade.
Tamén comenta a posibilidade de que estas ringleiras líticas poidan soster as fallas do terreo dos corrementos de terra, e nos aliñamentos Bretóns, comenta o investigador Francés poden facer de "chave" para que as mareas do mar non asolaguen as eiras e terreos.

Ralf Koneckis: investigador  Alemán foi quen de atopar un axexadoiro na croa dunha pedrafita do aliñamento do Menec en Carnac, para poder confirmar a chegada dunha estación climática, dándolle o emprego astronómico que ata daquela non se coñecía.

Wikipedia.org: mantén que monumentos ou elementos topográficos ou características astronómicas, propósito relixioso ou cerimonial, quizáis un camiño procesional ou a teoría de que cada xeración chantase un monólito para cooperar na secuencia que amosa unha presenza continuada das persoas.

Centre des monuments nationaux, sites mégalithiques de Carnac: "os  aliñamentos da rexión de Carnac teñen en común, levan a pensar que pode tratarse de lugares cerimoniais, estes "fitos" sinalan lugares privilexiados ou santos".

Sierra de la ventana, Argentina: o recente achado de aliñamentos neste país sudamericano, tamén pon de manifesto a súa posíbel relación cerimonial, sinalan cumios de  montes ou apuntan cara a unha cova elevada con pinturas rupestres, mesmo os investigadores falan dunha canle de enerxías telúricas e observación astral, foi lugar de concentración e xuntanza dos caciques chegados dos lonxanos extremos das Pampas. Algúns aliñamentos desta zona concéntranse ao carón de antigas tumbas.

Rafa Quintía: relaciona o aliñamento de Adai, Lugo, formado por 15 bloques de seixo branco orientado L-O, co "santuario  da pedrafita de Adai e o seu templo perdido", "a presenza" di, "de tanto seixo  na zona e colocado dun xeito intencionado coido que debería ser obxeto dunha análise  detallada pois, como  é ben sabido, o seixo non é unha pedra calquera, e na nosa tradición popular sempre se lle asociou un carácter apotropaico".

Atopámonos pois con información nada desdeñable: hipóteses e teorías sobre o posíbel emprego ou simboloxía-funcionalidade, e máis datos probables de presenza en chan Galego de aliñamentos líticos.
Facer pois unha aproximación teórica, como hipótese xeral, sobre a posible funcionalidade que poden representar estes aliñamentos en Galicia, podería encamiñarnos á definición que, coa axuda dunha contextualización precisa e ben enfocada, clarexaría provisionalmente,  as dúbidas xeradas sobre o fenómeno.
Da Serra da Faladoira recollemos datos da altitude, sobre 700 m.s.n.m., descoñecemos a orientación do aliñamento, mais ao carón do mesmo temos a presenza dunha necrópole megalítica composta`por varios túmulos, esta contextualización: aliñamento-necrópole-serra-altitude, pode indicarnos a relación do mundo astronómico por medio do aliñamento e o mundo funerario por medio dos túmulos, esta mesma conexión, é a que atopamos  decote ao carón das pedrafitas de observación astronómica en diferentes áreas de Galicia.
De Adai, reparamos nunha, se cadra, volta á ritualización e relixiosidade, Rafa Quintía fala do elemento "templo" e tamén do elemento "santuario", mesmo o conxunto amplo de seccións ou dependencias que sinala: posible altar, campo tumular, dous conxuntos de petróglifos, posible pedrafita e   aliñamento de seixo branco, lévanos a considerar o lugar Adai, nunha posible relación ou  función relixiosa precristián, chama a atención o elemento seixo branco, "como premisa de protección" para afastar o mal,

Esta conexión en moitas ocasións é a resultante da bipolaridade arriba indicada, e que a cada pouco, con máis asiduidade chegan novas de achados de este tipo que o ámbito científico considera  e reafírmase no seu amplo estudo, investigación e posta en valor, tal e como estas dúas vertentes se manifestan (mundo funerario-túmulos, e o mundo astronómico-aliñamento = arqueoastronomía), en relación coa Faladoira.

Mentres que Adai, cumpliría outra condición, achéganos  á ritualizaciñon vital, neste conxunto de elementos toman criterio posibles cerimonias ou celebracións, adicadas á invocación ou solicitude de axuda para resgardarse de supostos influxos non desexados.

Fai pouco tempo o monumento megalítico de Stonehenge no Reino Unido, rematou en aportar novas canles na investigación arqueolóxica, co achado subterráneo empregando técnicas para escanear todo o sitio a diferentes  profundidades baixo terra, revelando un mapa dixital onde se reflicte a presenza de 17 novos templos, vinculados cos rituais  e prácticas de sepultura, espallados nunha área de 12 qm. cadrados, non deixando de existir entre estes xacementos unha relación de tipo espiritualidade: morte vida, propia do compoñente da franxa atlántica occidental europea coa vinculación  do fenómeno megalítico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario